Vicepresidencia está a reforzar o seu servizo en liña Coidanet (na imaxe), encamiñado a achegar servizos e apoio ás persoas en situación de dependencia, aos seus coidadores e aos profesionais do eido da promoción da autonomía persoal. Máis polo miúdo, a idea do departamento da Xunta é afondar na achega formativa do dito espazo dixital, subministrando máis e mellores posibilidades no desenvolvemento de cursos a distancia. Nesta liña é onde se insiren as iniciativas presentadas onte en Lugo para o mes de xuño e nas que poden participar xa coidadores e coidadoras non profesionais de dependentes.
Estas actividades, que forman parte do Plan de Formación de Coidadores non Profesionais da Secretaría Xeral de Benestar, inclúen varias modalidades de formación: a distancia a través do portal Coidanet, presencial ou a domicilio (encamiñado) a aquelas persoas que polas súas circunstancias non poidan acceder aos cursos nas modalidades devanditas.
As accións formativas repártense en tres módulos –un módulo básico e dous de formación avanzada–, cada un cunha duración de 10 horas.
Os vindeiros cursos do módulo básico celebraranse o 16 e 18 de xuño en Ourense; o 17 e 25 en Santiago, e o 19 e o 24, en Pontevedra e Vigo.
Vicepresidencia forma coidadores e coidadoras a través da Web
Compartir Este Artigo

