Os datos máis recentes achegados pola CMT sobre o eido das telecomunicacións en España deixan moi pouca marxe para a sorpresa. En liñas xerais, son unha listaxe de confirmacións do que se agardaba dende hai meses (unha serie de palmadiñas nas costas ao groso dos analistas). Indo ao gran, dicir que se cumpren as seguintes expectativas: a presenza da telefonía fixa baixou aínda máis, a móbil subiu e o ADSL estancouse, logo da tocar teito no eido dos prezos e de poñer a España na dubidosa honra de estar entre os máis caros de Europa para conectarse á Rede.
A información que subministra a CMT, achegada por oito firmas do sector da telefonía fixa e 19 da móbil, non é totalmente definitiva. Ou sexa: que non se estrañe ninguén se os operadores achegan cambios nos vindeiros días.
O caso é que ao longo do mes de abril, a cifra de liñas fixas de teléfono chegou aos 20,13 millóns, distribuídas en 13 millóns de liñas particulares e 7,13 para as empresas. No dito período de tempo rexistráronse ata un total de 4.000 cancelacións. A cousa muda na telefonía móbil, que tan fondo esta a calar nestes tempos en España e que tan ben se adaptou á fidelidade dos seus habitantes por elementos como riñoneiras ou cintos habilitados mesmo con máis dun espazo para carretar teléfonos. Leas aparte, abril foi un mes ideal para os analistas que xogan sobre seguro e que fan previsións infalibles do tipo: “Haberá guerras no mundo”.
Ou sexa, que no eido da telefonía móbil foi, casualmente, un mes de moitas vendas. O devandito período pechouse cun total de 50,58 millóns liñas e situando o medre interanual nun 6,2% e a proporción de liñas por cada 100 habitantes en 109,1. A firma ovistar segue á fronte do ranking de operadoras, co 45,6% do mercado, seguida por Vodafone co 31,2% e de Orange co 20,6%. Yoigo está neste intre abranguendo o 1,2%.
A telefonía móbil en España segue a subir, mentres a fixa cae
Compartir Este Artigo

