Amigos da Terra está a facer unha convocatoria na Rede dirixida a facernos reflexionar sobre o noso xeito de vida cotiá. Máis polo miúdo, a convocatoria é clara abondo e ten un obxectivo ben determinado: a idea é facernos pensar na comenencia de usar ou non algo ben específico, as bolsas de plástico. A proposta, que emprega a Rede polo que ten de ferramenta mobilizadora (rápida e directa), sinala unha xornada, a do 14 deste mes (o sábado que vén), coma xornada simbólica para deixar de lado e dunha vez por todas uns obxectos que nin nos axudan a carretar mellor as cousas que mercamos (a quen non lle ten pasado o de que se rompan no intre menos axeitado?) nin contribúen ó respecto polo medio natural.
Por se isto fose pouco, informan Amigos da Terra, axudan a perpetuar os conflitos bélicos orixinados polo control do petróleo, sendo as bolsas de plástico un dos seus principais derivados.
Pero a cousa non fica aí. Segundo un informe da dita organización, o Estado español non salienta especialmente no panorama mundial pola busca de alternativas. De feito, é o é o primeiro produtor de bolsas de plástico dun único uso en Europa. Os comercios distribúen 10.500 millóns de bolsas (238 por persoa) ao ano, que son unhas 100.000 toneladas de plástico.
Amigos da Terra convoca na Rede un día sen bolsas de plástico (este sábado 14)
Compartir Este Artigo

