Un internauta non se fai do día á noite. Isto que significa? Pois que para todo ten que haber un período de preparación, mesmo para vivir e traballar en liña, e non está de máis saber o que é un manual, unha guía ou un caderno persoal denantes de aprender o que é unha web. Logo, xa haberá tempo para navegar sen axuda. Disto, de preparar e de complementar, é do que trata un folleto publicado os días pasados polo Concello de Carballo (con motivo da celebración do 17 de maio) e no que (se cadra por certa saturación de recursos) non tiñamos reparado ata o de agora. A guía, que foi lanzada polo Servizo de Normalización Lingüística do dito municipio e que tivo unha tirada de 10.000 exemplares, é tamén un manual de introdución á Sociedade do Coñecemento en Galiza.
Sendo como é unha escolma xeral de recursos, a súa utilidade non se limita á dita celebración da xornada do 17 de maio, senón que se pode empregar a todos os niveis e ao longo de todo o ano. De feito, selecciona por temas e feituras (blogs, deportes, lingua, ecoloxía, imaxe, teatro, mocidade, música, xogos ou turismo) algúns dos sitios galegos máis importantes, “coa finalidade de contribuír á difusión da información na nosa lingua, ao mesmo tempo que á difusión da cultura”, sinala o dito departamento do Concello de Carballo. A guía que ten 17 páxinas a toda cor, imita á propia Rede e máis concretamente o xeito de operar da ferramenta Favoritos que hai nos navegadores, achegando (a maiores) unha pequena información sobre cada web sinalada.
O Concello de Carballo escolmou nunha guía o máis salientable da Web galega
Compartir Este Artigo

