Falabamos onte nesta web de que a loita contra as redes P2P por parte das entidades de xestión de dereitos de autor tradicionais non está nin moito menos pechada, sendo un exemplo diso a posta en marcha dunha alianza que, xa dende a sonoridade do seu propio nome, semella feita para meterlles ben o medo con corpo aos usuarios de Bittorrent e demais: a Coalición de Creadores e Industrias de Contidos de España. Pois ben, tendo en conta isto e que as ditas entidades de xestión queren xa implicar na súa cruzada ás mesmas operadoras, semella que hai quen quere facer o traballo por elas e á procura de solucións que as deixen satisfeitas.
Por exemplo: os responsables da enquisa que se vén de levar a cabo en Gran Bretaña entre usuarios de redes P2P e que indica que o 80% dos mesmos estarían dispostos a pagar con tal de non deixar de facer o que están facendo, ou sexa: ter portas abertas no seu computador para compartir cancións ou películas de xeito libre (neste senso, a versión da Coalición é outra: di que non comparten, senón que piratean, xa que descargan material protexido con dereitos de autor do tipo copyright).
Leas aparte, á enquisa da que dá conta estes días El País facéndose eco de datos de The Inquirer non lle falta certo interese: con independencia de que unha hipotética rede P2P de pago semelle máis unha iniciativa feita á medida das sociedades de xestión ca dos internautas en xeral (a proposta procede dunha entidade afín ás primeiras), o caso é que parece evidenciar unha tentativa de busca de solucións á guerra aberta.
Sobre todo se temos en conta que na enquisa (en contra do que era de agardar) non se identifica taxativamente aos usuarios de redes como Soulseek ou Bittorrent coa práctica do pirateo. De feito, valórase a súa arela por compartir coñecemento e ofrecer algo á comunidade. Isto pode ser algún tipo de comezo, polo tanto.
Os internautas británicos pagarían por seguir empregando redes P2P
Compartir Este Artigo

