A Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) declarou o 2008 como Ano do Planeta Terra a fin de sensibilizar á poboación e darlle a coñecer o compromiso da ciencia coas enerxías sostibles no planeta. No marco desta celebración, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) puxeron en marcha o concurso Reporteir@s do Planeta Terra, que tiña como propósito convidar aos estudantes de ESO e bacharelato a facer de xornalistas pola causa e realizar reportaxes sobre diversos aspectos ou aplicacións xeolóxicas que podían observar no seu contorno para achegar a súa visión particular de como se atopa o planeta.
Agora, o xurado escollido para este galardón vén de facer públicos, a través da web oficial do concurso, os nomes dos “reporteiros” gañadores nas distintas categorías que compoñían o certame, así como o título dos traballos merecedores de mención especial.
Deste xeito, na categoría de reportaxe ilustrado con imaxes, o traballo gañador foi A cidade encantada de Bolnuevo, realizado pola clase de 1º de Bacharelato DC-EC do centro de ensino IES Alquibla de Murcia.
Na categoría de reportaxe de vídeo, alzouse co triunfo Entre ríos, realizado polos alumnos da clase de 1º de Bacharelato do IES Aurín de Zaragoza, que fixeron “unha exhausta recompilación da información” sen deixar de implicarse nun problema que nos afecta a todos.
Ambas clases recibirán como premio a posibilidade de gravar ou realizar a reportaxe con medios profesionais e gozar dunha fin de semana no Parque Nacional de Cabañeros (Toledo e Cidade Real).
Asemade, os membros do xurado quixeron destacar a calidade de outros seis traballos presentados a concurso mediante a concesión de sendas mencións especiais, sen premio asociado.
As oito reportaxes, xunto con tódolos finalistas, pódense ver na páxina oficial do concurso.
A web de Reporteir@s do Planeta Terra publica os traballos gañadores no concurso
Compartir Este Artigo

