Estes días tense falado moito da Directiva de Retorno aprobada o pasado 18 de xuño e que define de xeito directo o trato que no futuro máis próximo se lles quere dar na Unión Europea aos emigrantes que veñan na procura dunha vida mellor. A medida, que xa aparece cualificada na Rede de “Directiva da Vergoña”, está a ser recibida con protestas por unha boa parte da comunidade internauta europea, sobre todo polo que considera a lexitimización dun trato de tipo vexatorio cara aos inmigrantes. Así, entre outras iniciativas contempladas, a Directiva vai no camiño de institucionalizar a detención administrativa en centros de reclusión temporal (nos que imperan condicións moi semellantes ás que podemos atopar nas prisións).
Na Internet atopamos estes días de recursos de participación en liña encamiñados a evitar que se aplique finalmente a medida devandita da Unión Europea.
Por exemplo, en Chuza! dásenos conta dunha campaña en liña para a recollida de sinaturas en contra da Directiva, con fin de facérllelas chegar aos Gobernos da UE, á Comisión Europea e máis ao Parlamento e co fin de “amosar que tanto os particulares como a sociedade civil están a enviar un forte sinal pedindo o peche de centros de permanencia temporal en Europa”. Asemade, é posible tamén enviar unha queixa ao Parlamento Europeo a través deste sitio ou participar (a outro nivel) no caderno Otro mundo es posible subministrando correos de rexeitamento aos propios parlamentarios. Polo que respecta á rede galega, no sitio de Galiza Indymedia anuncian que se está a levar a acabo un labor de coordinación con outras organizacións da nosa terra para levar a cabo mobilizacións, presenciais e máis na Rede.
A Rede achega recursos para participar en contra da Directiva de Retorno de inmigrantes da UE
Compartir Este Artigo

