Hai novas que dependendo de como teñamos o día semellarán positivas ou negativas e sen posibilidade algunha de achegar un termo medio. Unha destas informacións é sen dúbida a que vén de publicar El País facéndose eco dun estudo de Gartner e no que se indica o número máis ou menos aproximado de PCs que hai a día de hoxe no mundo. Nada máis e nada menos que máis de 1.000 millóns de unidades, e cun ritmo de medre de preto do 12%, co que se podería ir alén dos 2.000 millóns en 2014. Estas cifras de computadores en uso, que se nos collen de boas teñen feitura de bos augurios para a Sociedade da Información (unha orde de cousas que teoricamente achegaría un mundo mellor comunicado e informado e máis participativo no social e político), subministran sen embargo un dato preocupante: que vai pasar con todos eses computadores cando chegue un día, non moi afastado, en que fiquen obsoletos?
De feito, sábese que unha boa parte destes equipos teñen importantes cantidades de cromo ou cadmio, materiais moi contaminantes que xa nos países teoricamente desenvolvidos están a dar crebadeiros de cabeza, e máis aínda nos países máis pobres, onde non hai xente algún de regular o seu tratamento e reciclaxe. Enleadas aparte e volvendo ao informe de Gartner, dicir que a cantidade devandita de ordenadores persoais fica moi concentrada en mercados que xa teñen anos de experiencia coa Sociedade da Información, pero no informe (e isto está en relación co problema dos refugallos tecnolóxicos do que falamos) tamén se especifica un gran incremento da súa presenza nos países en vías de desenvolvemento.
Así, malia as diferenzas que aínda existen entre países ricos (os máis introducidos na era dixital) e os máis pobres (os menos), o estudo apunta a unha máis ou menos rápida desaparición das diverxencias no nivel medio de vida e, en consecuencia, no esmorecemento da fenda dixital. Deste xeito, sinala Gartner, a penetración de PC per capita nas economías emerxentes duplicarase en 20013 grazas ao medre da banda larga, dos acceso móbiles e dun estilo de vida cada vez máis ligado á tecnoloxía como factor sen o que non se pode vivir para progresar.
No mundo xa hai máis de 1.000 millóns de PCs… e a cifra segue a subir
Compartir Este Artigo

