
Ao pasar o Symbian OS a ser responsabilidade da Fundación Symbian, agárdase dar un pulo a este sistema operativo, que continúa a ser un dos de mellor aceptación en contornos móbiles (instalado en máis de 200 millóns de terminais). Nun primeiro momento a Fundación publicará varios dos elementos do Symbian OS coma código aberto, para desenvolvelos nos vindeiros 2 anos baixo licenza EPL 1.0.
Dende Nokia aseguran que «establecer a Fundación é unha das maiores contribucións á comunidade aberta» que fixeron nunca, e dende a compañía finlandesa pretenden achegar aos desenvolvedores «a liberdade para construír, manter e evolucionar aplicacións e servizos» para un amplo ecosistema de dispositivos; mentres que dende Sony Ericsson destacan que a nova plataforma «simplifica a vida aos fabricantes de terminais».
A Fundación Symbian agarda comezar a funcionar durante o primeiro semestre de 2009, cando se complete a adquisición das accións de Symbian Limited que aínda non pertencen a Nokia, de xeito que podería supor unha grande ameaza a Android, a plataforma móbil impulsada por Google.
