Dalgún xeito xa se sabía, pero aínda lle restaba a carta de oficialidade: Bill Gates vaise despedir definitivamente de Microsoft para dedicarse en exclusiva aos labores humanitarios da súa fundación (que leva o seu nome e o da súa muller, Melinda) e a partir do 27 de xuño. A marcha de Gates do posto de presidente executivo do consello de administración (que segundo parece será ocupado agora por Steve Ballmer), chega nun intre un tanto delicado para a multinacional e o seu concepto de negocio. Dito doutro xeito: dáse a coñecer nun momento importante de medre para o software libre a nivel mundial, que se contrapón ó labor de programación pechado que apoia Microsoft.
Asemade, o anuncio de Gates non é se cadra o mellor pulo á estabilidade da compañía se temos en conta que aínda está recente a oportunidade finalmente perdida de ter mercado Yahoo!, a firma que ten entre mans o segundo buscador máis empregado polos internautas. Con todo, e xa que falamos dunha empresa vinculada a contornos dixitais, semella que a marcha de Bill Gates será máis virtual que real. É dicir: non será preciso ir a outro planeta para pedirlle consello ou saber a súa opinión sobre calquera tema que afecte á multinacional. “Para as decisións importantes, consultarei a Bill Gates, o meu amigo e o meu colega”, afirmou de xeito esclarecedor o seu substituto, Steve Ballmer o pasado mes de maio.
Bill Gates vaise esta semana de Microsoft nun intre de incertidume para a compañía
Compartir Este Artigo

