Dende a súa constitución, en 1982, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) logrou acumular ata 2007 (ano do seu vixésimo quinto aniversario) uns 153,1 millóns de euros, unha cifra récord na historia da entidade que confirma o medre da súa xestión trala asunción do Plan Estratéxico da Fundación posto en marcha co nomeamento de Javier López Martínez como director xeral da mesma no ano 2006.
Estes datos tan optimistas para a entidade foron feitos públicos na tarde de onte, cando o padroado, máximo órgano de goberno da Fundación, se reuniu para aprobar o informe económico 2007, un ano “decisivo para a consolidación dos Espazos de Innovación” e para a introdución de novidades tecnolóxicas nas empresas colaboradoras.
O devandito informe asegura que a contratación coas universidades galegas se situou o ano pasado como a área de maior volume de facturación da Fundación, representando os contratos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), o 67% do seu volume económico (o que supón máis de 11 millóns de euros en beneficios). Este primeiro “gran indicador” da actividade e servizos de FEUGA expresouse na materialización de 365 contratos de investigación, que implica un medre do 30 por cento respecto ao último exercicio.
Dentro das intervencións da Fundación nas relacións de achegamento de empresas e universidade, ao longo do pasado ano, os técnicos de promoción da institución realizaron máis de medio millar de visitas nestes contornos e posibilitaron que 24 firmas con novos proxectos susceptibles de financiamento contactasen con técnicos do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico (CDTI), confirmando 28 contratos aprobados pola entidade públicas empresarial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
FEUGA destacou, asemade, a atención dun cento de consultas sobre axudas á I+D+i a través do seu servizo de información e asesoramento como axente local da Rede PIDI, coordinada polo CDTI.
FEUGA confirma que 2007 foi un ano decisivo para a consolidación do seu labor innovador
Compartir Este Artigo

