Nestes tempos en que unha boa parte das celebridades españolas e galegas non acaba de ver con bos ollos que haxa xente leda e satisfeita de falar en galego (por exemplo: os asinantes da campaña lanzada por El Mundo para que se defenda unha lingua á que se considera ferida, o castelán), semella que hai outras que collen pola vía contraria. No caso concreto que nos ocupa non se trata dun personaxe senlleiro concreto, senón dunha empresa de renome, que xa anunciou que vai promover a fala de practicamente todos os seus traballadores. Falamos do Estaleiro Barreras, que, como se nos conta en El Faro de Vigo, seguirá o ronsel deixado por compañías de peso como o operador R ou a entidade financeira Caixa Galicia na liña de galeguizar a comunicación externa e interna.
Entre as canles que serán obxecto de cambios atopamos, precisamente, a web da propia empresa, a comunicación gráfica (rótulos e demais), a recepción de chamadas telefónicas, as nóminas, os contratos ou o convenio colectivo. A medida, que está a ser moi ben recibida por entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, foi anunciada trala xuntanza do Foro Enrique Peinador, unha proposta encamiñada a favorecer a entrada do galego no empresarial co fin de contribuír á súa normalización a todos os niveis e, tamén, de incrementar o valor e a capacidade de manobra da propia compañía.
Estaleiros Barreras galeguizará a súa comunicación en liña
Compartir Este Artigo

