Entre os ficheiros de vídeo que se poden atopar en circulación na Internet ultimamente están a prosperar os que rematan coa extensión .mkv, que indica que empregan o contedor Matroska, que non é en si un formato de vídeo, senón un xeito de almacenar os contidos, que destaca fronte a ficheiros .avi por poder incorporar vídeo codificado en H.264 de alta definición con audio DTS, permitir a incorporación de varias pistas de son e subtítulos e mesmo a inclusión de menús e capítulos.
Aínda que este contedor multimedia sexa moi versátil e potente, non é ata a actualidade, cando comeza a demanda de contidos en alta definición, cando está a popularizarse (a meirande parte das copias de películas de Blu-ray e HD DVD está neste soporte de ficheiros), e podería dar un paso de xigante pois dende DivX afirmaron que a versión 7 do seu codec de vídeo será compatible con este contedor, polo que cada vez será máis doado atopar equipos capaces de reproducir ficheiros Matroska (pois chegará con ter DivX 7 para poder gozar dos mesmos).
Actualmente a reprodución de ficheiros .mkv en equipos certificados por DivX (que van dende reprodutores de DVD ata consolas de videoxogos de alta definición) precisa de complicados procesos de conversión, pero dispositivos futuros (ou que actualicen o seu firmware) que teñan potencia suficiente poderán reproducir ficheiros Matroska directamente.
DivX 7 podería soportar ficheiros Matroska
Compartir Este Artigo
