A firma Loroestudio (con base en Ferrol e especializada en novas tecnoloxías interactivas para móbil e televisión dixital) está a presentar arestora na Rede os seus máis recentes proxectos. Un dos máis salientables é o que vén de levar a cabo en Aragón co gallo de desenvolver o que sería a primeira ruta do viño de España para teléfono móbil, segundo informa a compañía ferrolá. A achega de Loroestudio, que incluiría toda a información relativa á Ruta do Viño Somontano e as súas adegas (funcionando coma unha guía turística completa, co que iso implica de datos sobre oferta hostaleira e gastronómica, territorio e viños), constitúe a adaptación a un contorno novo para a empresa galega (o da enoloxía neste caso) da súa ferramenta Mobiguías, deseñada para a promoción entre axencias e persoal sen coñecementos de programación Java.
A MobiGuía da Ruta del Vino Somontano (así se chama esta aplicación práctica en concreto), apóiase sobre varias vías de distribución (sms dende a web, sms a número curto, códigos BIDI e emisora Bluetooth), e achégalle ao cliente un panel de control para seguir en tempo real o nivel de descargas da aplicación. A finalidade disto: que os responsables da devandita Ruta poidan verificar a evolución da campaña (número de descargas, tipo de móbil dende o que se fai, etc.).
Para acceder á MobiGuía da Ruta do Viño Somontano, informa Loroestudio, teremos que conectarnos ao seu espazo web e enviar un sms coa palabra “Ruta” ao 5013, ou ben empregando a cámara do móbil para capturar o código BIDI que está dispoñible nese mesmo sitio en liña.
O desenvolvemento de Loroestudio foi presentado hai uns días no Complexo de San Julián de Barbastro nun acto que contou coa presenza de membros das entidades máis directamente implicadas na súa posta en marcha: a Asociación para a Promoción Turística do Somontano, Fundetec e Movilforum de Telefónica. A idea de todas elas era basicamente poñer en valor a devandita Ruta cunha guía enoturística que fose dirixida a satisfacer aos seareiros máis esixentes, tanto dos viños como das novas tecnoloxías. Por último, sinalar que o custo da descarga rolda o euro, e que por ese prezo inclúese tamén a posibilidade de conservala no teléfono para usos vindeiros, sempre e totalmente gratis.
A galega Loroestudio desenvolve a guía para móbil dunha das rutas do viño máis importantes de España
Compartir Este Artigo

