Os traballadores autonómos están arestora no extremo oposto con respecto ás grandes e medianas empresas no que se refire a acceso á Sociedade da Información e emprego de ferramentas dixitais no día a día laboral. Ou sexa: que non constitúen precisamente o sector máis conectado nin (asemade) o máis favorecido con apoios públicos para estalo. Inverter na medida do posible esta situación en Galiza é o obxectivo dunha nova iniciativa presentada pola Consellería da Innovación e que consiste en achegar axudas para a adquisición de computadores por parte de traballadores autónomos. Neste senso, o departamento que dirixe o nacionalista Fernando Blanco dará unha subvención máxima de 350 euros por traballador autónomo, a través desta orde que conta cunha dotación orzamentaria global de case 1,7 millóns de euros para o bienio 2008-2009.
A solicitude e tramitación das axudas levarase a cabo coa intermediación das empresas que vendan ordenadores e que acaden previamente a condición de entidades colaboradoras. Estas entidades tramitarán estas axudas exclusivamente a través dunha aplicación informática en Internet, co emprego de sinatura dixital e o enlace co Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. Para efectuar a solicitude destas achegas, informa a Consellería, os traballadores autónomos deberán acudir ás entidades colaboradoras e presentar nelas a documentación. As entidades realizarán todos trámites en internet para obter a autorización da Consellaría para a concesión da axuda aos traballadores.
Innovación subvencionará a compra de compra de computadores por parte de autónomos
Compartir Este Artigo

