A Internet, entre outras moitas cousas (todo o que se nos ocorra, en realidade), tense empregado moito como plataforma da acción social e nada hai que indique unha caída nesta actividade. En calquera caso, o que se agarda é o contrario: que estea cada vez máis aberta a todos e cada un dos cidadáns de calquera país do mundo, como canle principal que é dun dereito universal: o da información. Asemade e como plataforma de acción social que pode ser, xa non se trata de favorecer que os colectivos en risco de exclusión teñan acceso ao coñecemento, senón de usala (á Rede) para que teñan acceso á sociedade enteira. Este é o obxectivo de FADEMGA FEAPS Galicia, que vén de recibir preto de 100.000 euros de Caja Madrid para, entre outras, mellorar a formación tecnolóxica de persoas con discapacidade intelectual co obxectivo de favorecer a inserción laboral e a mellora na súa calidade de vida.
Máis polo miúdo, desta axuda que concede a Obra Social da dita entidade financeira, unha contía de 42.000 euros destinarase a desenvolver o II Plan integral de formación de persoas con discapacidade intelectual para a súa capacitación laboral a través das novas tecnoloxías. Segundo informa a propia plataforma galega, as actividades educativas terán como beneficiarios nesta convocatoria a preto de 250 persoas, amais das súas familias. O método para conseguir a formación máis axeitada: a organización de seminarios que “melloren as súas posibilidades de empregabilidade”.
Este proxecto integral, que como dixemos ten o gran obxectivo de achegar o mundo a informática a estes colectivos de galegos e galegas con diversidade funcional, parte este ano dos bos resultados obtidos polo primeiro plan (desenvolvido o ano pasado) e cun engadido a ter moi en conta: a incorporación de computadores dentro do fondo e a feitura do propio programa, sendo como é “unha ferramenta fundamental no eido do traballo”, sinala FADEMGA Galicia.
O acordo entre a entidade galega e Caja Madrid foi dado a coñecer onte, nun acto (na imaxe) que contou coa presenza do presidente da plataforma social, Julio Cortiñas, e do director da sede en Santiago de dita caixa de aforros, Juan Izquierdo. No transcurso do encontro, ambos asinaron dous convenios mediante os cales a Obra Social Caja Madrid concede a FADEMGA FEAPS a cantidade de 95.750 euros para que, como dixemos, desenvolva programas formativos que axuden a implementar a formación e inserción laboral dos colectivos que representa a plataforma galega.
FADEMGA formará en recursos dixitais a 250 persoas con discapacidade intelectual
Compartir Este Artigo

