
Pero as estreas normalmente son accidentadas, e este caso non foi unha excepción, aparecendo problemas para dar de alta ao primeiro cliente, que tardou preto de 2 horas en poder facerse co seu desexado iPhone 3G, mentres que noutros establecementos repartidos por toda España o público se queixou polos poucos terminais dispoñibles (coméntanse casos de 5 móbiles para unha listaxe de espera de 70 persoas) e incluso hai tendas que aínda non contan coa aplicación iTunes para activar o terminal telefónico, de xeito que a moitos clientes lle venden o móbil e o apartan á espera da súa activación máis tarde (ou sexa, que o consumidor non pode marchar co iPhone posto).
Deixando de lado as incidencias, temos que finalmente o iPhone xa se vende en España, o que xa é unha grande nova en si, pois aquí non se vendía oficialmente a primeira versión do móbil de Apple. O novo terminal destaca por contar con conectividade 3G (algo fundamental no mercado europeo) e GPS (aínda que con certas limitacións) pero a auténtica revolución para moitos é que finalmente integra a AppStore, unha tenda de aplicacións e xogos para o iPhone, de xeito que dispara o atractivo do terminal, aínda que por desgraza a meirande parte dos contidos descargables son de pago.
Lembremos que o iPhone non se consolidou nos mercados nos que estaba presente ata que se liberou o terminal para a instalación de aplicacións alleas a Apple que solucionaban moitas das eivas do trebello (como a ausencia de MMS ou a gravación de vídeo), que eran de balde na súa meirande parte, pero que coa nova versión parece que xirarán as tornas e a explotación comercial das aplicacións vai ser fundamental para o desenvolvemento do software para o dispositivo, que sorprende a moitos por incluír un catálogo de xogos moi nutrido (especialmente se comparamos con plataformas coma a N-Gage de Nokia, que só ten 11 títulos á venda fronte aos 160 da AppStore).
Moitas webs tamén se están a adaptar ao novo dispositivo, e hoxe Telecinco estreou unha web específica para o iPhone dende a que acceder a novas e vídeos, o que poderían imitar moitos outros medios en breve para fidelizar aos usuarios do móbil de Apple.
Chega ás tendas españolas o iPhone 3G
Compartir Este Artigo
