A feitura adaptada para o iPhone permite unha carga máis lixeira e unha mellor lectura dos contidosCoa chegada do iPhone 3G ao territorio español moitas páxinas web optimizaron as súas webs para o navegador web incorporado no móbil de Apple, e para celebrar que Código Cero cumpre 7 anos na súa edición dixital, nós facemos o propio e, pese a que a nosa páxina web se pode visualizar perfectamente dende o iPhone, permitimos elixir ao usuario entre dúas interfaces, adaptándose unha das mesmas ao terminal de moda. Deste xeito, os usuarios que conten cun iPhone ou un iPod Touch, poden visitar http://codigocero.com/i para acceder a unha versión de Código Cero máis sinxela e de carga rápida, o que resulta moi práctico cando se accede á web dende redes móbiles, contando tamén cun atallo para volver á web estándar (recomendada cando nos conectamos a través de Wi-Fi). A versión estándar da nosa web tamén se pode consultar satisfactoriamente dende o iPhoneO novo modelo da web está nunha fase de proba, e irá medrando nos vindeiros meses, para incorporar funcionalidades que van máis aló da navegación básica, pero xa é un bo achegamento aos nosos contidos dende a versión móbil de Safari, que na súa revisión tamén presenta a posibilidade de establecer atallos con contidos de vídeo publicados en YouTube (o que resultará de grande utilidade para poder ver algúns trailers de videoxogos que incorporamos con certa frecuencia). Agardamos que esta nova funcionalidade da nosa web sexa ben recibida, e queremos aproveitar a ocasión para agradecer aos nosos lectores a súa fidelidade, pois non son poucos os que nos veñen seguindo dende o primeiro día, e 7 anos na Internet galega son toda unha vida.