O portátil XO do proxecto OLPC funciona nun principio cunha distribución de Linux adaptada para este equipo para nenos, pero Microsoft anunciou que estaba a preparar unha versión de Windows XP que puidese correr neste equipo, e finalmente parece estar lista, pois a probaron dende Laptop Mag, adiantándose ao seu lanzamento oficial en setembro (que se incluirá nos equipos mediante arranque dual).
O resultados das probas son un tanto decepcionante, pois o equipo tarda 1 minuto e 24 segundos en arrancar, mentres que o contorno Linux orixinal (Sugar) precisa só de 50 segundos para iniciarse. Tamén aplicacións coma o Word 2003 tarda bastante en iniciarse (uns 42 segundos) destacándose o feito de que o Windows XP Starter Edition incluiría tamén o Office 2003, custando a licenza do paquete completo só 3 dólares (pero só se comercializará en países en vías de desenvolvemento).
Probando XP no XO do proxecto OLPC |
O XP para o XO tamén inclúe o Windows Media Player e o Internet Explorer 6, pero cómpre destacar que o equipo só ten 256 Mb de RAM, polo que non sería axeitado para executar varias aplicacións ao mesmo tempo, de xeito que ver un vídeo con outro programa aberto ocasionaría problemas (e tampouco se poden ver moitos dos vídeos actuais dada a limitada potencia do procesador AMD Geode LX-700 incluído).
En definitiva, que o XO con Windows XP é un equipo tan limitado como se podería agardar, e ao funcionar con arranque dual pode contar co mellor de 2 mundos, o que agradecerán os cativos que empreguen os portátiles do proxecto OLPC.
