As aplicacións de intercambio de arquivos a través da Internet comezan a adaptarse ao futuro da Rede, e a versión 1.8 de µTorrent, considerado o cliente de BitTorrent máis popular e eficiente para Windows, incorpora o soporte de Teredo (un protocolo de tunelización que converte os paquetes IPv6 en datagramas UDP IPv4 para que sexan compatibles con hardware NAT que só funcione con IPv4) e soporte mellorado de iPv6.
Amais, a nova versión de µTorrent tamén mellora a súa integración con Windows Vista (mellorando a súa relación coa devasa do sistema e adaptando a súa interface gráfica para que se comporte mellor baixo o último sistema operativo de Microsoft).
O lanzamento desta nova versión do programa tamén serviu para anunciar que a versión para Mac OS X está cada día máis preto, de xeito que en poucas semanas se publicará unha versión alpha pública.
A nova versión de µTorrent adáptase a IPv6
Compartir Este Artigo

