Os exames teóricos para sacar o carné de conducir en formato impreso van pasar á historia segundo publica La Voz de Galicia, posto que o Goberno está a traballar en distintas iniciativas para informatizar e alixeirar a burocracia impresa, afectando ao exame teórico de circulación, que a partir do mes de decembro se fará fronte a un ordenador con pantalla táctil (que fai doado o manexo para evitar problemas).
O novo sistema elaborará un exame diferente para cada alumno (collendo as preguntas dunha base de datos de entre 3.000 e 4.000 cuestións), as preguntas contarán con 4 ou 5 respostas das que poden ser válidas de 1 a 3, o que incrementaría a posibilidade de erros (de aí que no futuro exame se acepten ata 6 fallos).
A duración da proba continuará a ser de 30 minutos para responder 30 preguntas. O alumno poderá optar a facer o esa en español, galego, catalán e éuscaro, e poderá consultar a nota final a través da Rede. Os usuarios tamén poderán acceder a un programa de auto-avaliación a través da Internet, de xeito que poderán comprobar os seus coñecementos e corrixirse dende casa.
A Dirección Xeral de Tráfico xa está a probar este novo procedemento nunha aula-piloto na Xefatura Provincial de Barcelona, e para que o sistema se poida implantar en toda España será preciso o cableado das aulas de exame e a adquisición duns 2.000 ordenadores.
O exame teórico de conducir farase por ordenador a partir de decembro
Compartir Este Artigo
