
Como exemplo podemos lembrar a caída do servizo de Messenger hai anos, que levou a moitos usuarios a non poder comunicarse coma de costume cos seus amigos e familiares, pero este tipo de incidencias son momentáneas, polo que aínda que deberían levarnos a tomar medidas preventivas, non teñen efectos a longo prazo, o que si acontece coas prácticas monopolísticas de Google, que no seu espallamento dende un buscador a toda unha chea de servizos que van dende o correo electrónico ata á publicación de vídeos en YouTube, está a provocar que a súa empresa sexa a que ten o control de boa parte dos usuarios da Internet, aos que guían na Rede.

Os usuarios poden modificar as preferencias de Google para evitar esta resposta do buscador, pero iso é algo que os usuarios descoñecen na súa meirande parte, e como consecuencia temos que as webs galegas que se publican en galego padecen nos últimos meses un descenso de público que se pode xustificar polo un cambio en Google que se podería considerar inocente, pero que afasta inconscientemente ao público galego de moitas páxinas web galegas.

Para ilustrar a discriminación que Google está a exercer sobre as páxinas web en galego podemos probar a buscar información sobre a calidade do software analizada en GaliciaPMS a través da busca «software GaliciaPMS» e vemos que os resultados dende o Google en español ou en galego son radicalmente distintos e, aínda que o primeiro resultado corresponde en ambos casos na propia web de GaliciaPMS, o buscador en galego ten a ben dirixirnos logo a esta publicación e á web de Mancomún, páxinas que aparecen na terceira páxina de resultados na versión en español, estando precedidas por distintas informacións en español que claramente son menos axeitadas como resultados de busca.
Caída de audiencias
Se miramos as audiencias das webs galegas baseándonos en Alexa podemos percibir que as páxinas web galegas escritas en español non acusan ningún tipo de incidencia, mentres que as publicadas en galego padecen unha caída de visitas entre os meses de xuño e setembro moi acusada, resultando especialmente graves as caídas do portal da Cultura Galega e de Galicia Hoxe, que perderon 223.551 e 197.690 posicións respectivamente no índice global de Alexa nese pequeno lapso de tempo.
Incluso se facemos unha análise relativa a webs galegas (comparadas con outras webs da nosa comunidade) vemos coma no noso Top 100 coas páxinas máis populares os medios en galego están a perder forza. Se comparamos a posición das webs na actualidade con respecto ao ano pasado temos que a CRTVG pasou dun posto 26 a un 24, Vieiros do 17 ao 30, Xornal.com do 9 ao 20, a nosa propia publicación do 70 ao 73, o portal da Cultura Galega do 78 ao 90 e Galicia Hoxe do 81 ao 100; ou sexa, que estamos a vivir un ocaso de audiencias nas webs en galego que parece estar provocado por un simple cambio de política dun servizo de busca norteamericano sobre o que non temos control e do que si temos unha forte dependencia.
Para moitos usuarios Google e web son case un sinónimo, e chegan a empregar o buscador como substituto da barra de enderezos do seu navegador, polo que a modificación desta plataforma afecta profundamente aos hábitos de consumo dos internautas, e cómpre tomar medidas para que as Internet galega non padeza unha fenda lingüística provocada por axentes externos.
Repercusións económicas

Google Noticias tamén discrimina
Os medios galegos non estamos só maltratados polo buscador de Google, senón que tamén estamos vetados no servizo Google Noticias, no que só aparecen os medios en español, aínda que curiosamente publicacións coma Xornal.com e Galiciae.com non teñen tal problema por ter contidos en español e galego (un por publicar indistintamente nas dúas linguas, e o outro por traducir os seus contidos). Curiosamente as devanditas publicacións serían as menos afectadas pola baixada de audiencia que denunciamos neste artigo, dando a impresión de que o peso nos resultados de busca en Google non se define polo corpo dos artigos, senón polo medio no que se publican.
Resulta difícil de entender que en Google Noticias non acepten todas as linguas do Estado, posto que o usuario que realice buscas en español dificilmente vai atopar unha web en galego, mentres que os usuarios galegos vemos como este buscador de novas resulta moi incompleto para achegar contidos sobre a nosa comunidade.

