A incorporación de subtítulos a YouTube xa é unha funcionalidade moi útil en si mesma, pero dende Google quixeron potenciar esta característica e lle engadiron o seu motor de tradución de textos para que os subtítulos aparezan traducidos automaticamente, o que amplía considerablemente o público potencial de moitos contidos.
O usuario pode elixir os distintos subtítulos de orixe (xa que cada peza pode incluír subtítulos en distintos idiomas) e a súa equivalencia noutro idioma mediante a tradución automática, que tamén se pode aplicar os comentarios (captions) presentados durante os vídeos.
A tradución automática non é perfecta, pero facilita o acceso a vídeos que non se atopan nunha lingua que comprendamos, sendo máis precisa cando a lingua de orixe é o inglés. Entre os idiomas peninsulares aceptados polo tradutor de Google estarían o español e o catalán.
Este servizo aínda podería ir moito máis aló xa que Google está a traballar nun sistema de recoñecemento de voz (en probas actualmente con contidos relativos ás presentes eleccións á presidencia dos EE.UU.) que podería presentar subtítulos automáticos, de xeito que poderiamos ter subtítulos en español de discursos políticos norteamericanos, o que tamén se podería aplicar aos millóns de vídeos que hai en YouTube cando toda esta tecnoloxía estea máis madura.
YouTube incorpora tradución automática aos seus subtítulos
Compartir Este Artigo
