Presentación do proxecto de YouTube no Teatro Colón de A CoruñaO servizo de vídeo de Google, YouTube, anunciou hoxe o lanzamento do proxecto Orquestra Sinfónica de YouTube, que ten coma obxectivo redefinir o concepto do que significa compoñer música para orquestra e servirlles, ademais, de plataforma aos intérpretes con máis talento grazas á capacidade de difusión do portal de vídeo que presenta esta iniciativa en 14 idiomas diferentes e que en España conta coa colaboración do Gran Teatre do Liceu de Barcelona, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, a Orquestra e Coro Nacionais de España e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Precisamente esta última, xunto con representantes de Google, presentaron esta este proxecto internacional no Teatro Colón de A Coruña e dende a web tamén podemos escoitar ao director da Orquestra, Víctor Pablo Pérez, falando da iniciativa de YouTube. Con todo este movemento dende YouTube pretenden que músicos afeccionados e profesionais envíen vídeos nos que reflictan o seu estilo persoal interpretando 2 pezas (unha de música clásica e outra composta por Tan Dun para a ocasión) o que servirá como base a un xurado para seleccionar a un grupo de intérpretes que poderán asistir a New York para participar nun cumio de aprendizaxe de música clásica de 3 días de duración con músicos coma o antes mencionado Tan Dun ou Michael Tilson Thomas, para culminar a experiencia nun concerto dos artistas gañadores no Carnegie Hall o vindeiro 15 de abril.