
Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüítica, presidiu o acto no que se deu a coñecer esta iniciativa desenvolvida grazas á colaboración entre a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e destacou a importancia de accións coma esta para pór en valor e «facer chegar a todos os recantos do mundo a riqueza da lingua, a literatura e a cultura de Galicia».
No acto tamén participaron o director da nova web, Anxo Tarrío Varela; o director do Concello Científico da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Darío Villanueva; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González; e o director de Relacións Institucionais da Fundación Biblioteca Virtual de Cervantes, Luis Rodríguez.
A nova web é un espazo virtual dentro da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, e pon a disposición do público obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos, de xeito que podemos acceder a información do trobador Martin Codax ou da poeta Rosalía de Castro (da que tamén se poden escoitar algúns dos seus textos en formato sonoro) e incluso se poden consultar publicacións periódicas desaparecidas (Eco de Galicia, Galicia ou Tierra Gallega) nunha hemeroteca que agradecerán especialmente os investigadores.
Letrasgalegas.org tamén permite a descarga en formato PDF de edicións facsímiles de textos medievais e de boa parte do catálogo do Centro Ramón Piñeiro, no que figuran obras como unha recompilación de estudos sobre o Cancioneiro de Ajuda, ou o Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral.
Letrasgalegas.org difunde a través da Rede o patrimonio literario galego
Compartir Este Artigo
