O panorama económico mundial está a afectar incluso ao sector da electrónica de consumo, o que está a notar especialmente Sony, fabricante nipón que vén de anunciar que este ano rexistrará as súas primeiras perdas en 14 anos, que serán maiores do que agardaban nas súas previsións anteriores, estando afectada a compañía tanto polo descenso da demanda como pola apreciación do ien.
Sony remataría o exercicio fiscal (que remata o 31 de marzo) cunhas perdas operativas de 260.000 millóns de iens (2.239 millóns de euros) e unhas perdas netas de 150.000 millóns de iens (1.289 millóns de euros) mentres que o pasado outubro fixera unha previsión no sentido oposto con 200.000 millóns de iens coma beneficio operativo e 150.000 millóns de iens coma beneficio neto.
A primeira consecuencia desta situación económica será o despido de 16.000 traballadores (a metade fixos) e o peche dunha das súas dúas fábricas de televisores no Xapón.
A división de xogos de Sony tamén rexistrará unhas perdas considerables, polo que os rumores que apuntaban a unha rebaixa da PlayStation 3 en marzo poderían non ser moi atinados, sorprendendo tamén que con estes malos resultados Kaz Hirai considere que a PS3 non compite coa Wii, e asegure que van gañar a carreira da nova xeración á Xbox 360, cando a consola de Microsoft conta cunha base de usuario superior, chegando a dobrar á PS3 en vendas nos EE.UU. O negacionismo de Sony podería xogarlles unha mala pasada, pois se comparamos as vendas desta xeración de consolas coas da anterior teriamos que a Wii vai camiño de converterse na nova PlayStation 2, mentres que a PlayStation 3 avanza perigosamente a converterse na nova GameCube.
Sony rexistra perdas por primeira vez en 14 anos
Compartir Este Artigo
