A versión en proba de Google Earth 5.0 xa está dispoñible para a súa descarga, e poderiamos estar ante unha das principais actualizacións desta aplicación que permite explorar o mundo dende a pantalla do ordenador combinando os lugares percorridos con información achegada da Rede a través de distintas capas que presentan datos de servizo moi diversos que van dende fotografías xeolocalizadas ata entradas da Wikipedia.
A nova versión de Google Earth, dispoñible para Windows, Mac OS X e Linux, inclúe principalmente a posibilidade de consultar imaxes históricas de todo o mundo (permitíndonos contrastar a evolución das zonas polas que nos movemos), presenta datos e imaxes da superficie oceánica e incorpora viaxes simplificadas coa posibilidade de engadir audio e gravacións de voz.

A idea de que Google Earth espallase o seu ámbito de aplicación ao mar naceu en España, nunhas xornadas nas que coincidiron Sylvia Earle (oceanógrafa de National Geographic) e John Hanke (un dos fundadores de Keyhole, empresa que desenvolveu a aplicación que logo se convertería en Google Earth trala absorción da compañía por parte de Google).

O feito de que a aplicación tamén mellore no tocante á creación de rutas turísticas que permitan á xente narrar historias valéndose da aplicación xeográfica de Google tamén é unha interesante mellora, aínda que a moitos sorprenderalles máis o feito de que se poida saltar da Terra a Marte, o que nos permite explorar o Planeta Vermello cunha resolución bastante boa, e con información, entre outras cousas, das exploracións marcianas.
Vídeo de presentación do Google Earth 5.0
Importante actualización de Google Earth
Compartir Este Artigo

