O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, presentou esta mañá en Lugo o plan de viabilidade do futuro Parque Científico-Tecnolóxico acompañado do director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia. Fernando Blanco destacou na súa intervención a importancia desta infraestrutura para Lugo que será «un auténtico parque de innovación» e «contará con servizos avanzados e centros de I+D+i conectados co sector empresarial». O parque estará sito no polígono empresarial de As Gándaras, ocupará unha superficie de arredor de 113.000 metros cadrados e entrará a formar parte da Rede de Parques Científico-Tecnolóxicos de Galicia, que está formada polos cinco parques galegos (A Coruña, Vigo, Lugo, Santiago e Galicia) e coordinada por Tecnópole.
A súa misión é facilitar aos emprendedores e empresas de base tecnolóxica a infraestrutura e servizos necesarios para o correcto desenvolvemento da súa actividade produtiva, así como fomentar a creación de empresas innovadoras, principalmente nos sectores agrogandeiro, agroalimentario e forestal. Para cumprir esta misión o Parque ofrecerá tres tipos de espazos físicos para que as empresas desenvolvan o seu proxecto empresarial: parcelas, incubadoras e naves (5.000 metros cadrados para incubadoras, 18.000 metros cadrados para naves e 90.000 metros cadrados para parcelas). Ademais, ofrecerá servizos de valor engadido para as empresas residentes e para as empresas relacionadas co sector agrogandeiro, agroalimentario e forestal. O titular de Innovación e Industria apuntou que as previsións apuntan que o Parque xerará unha importante actividade económica na zona, coa creación dun mínimo de 75 empresas e de 600 postos de traballo.
Para a súa posta en marcha precisa dun investimento de 16,8 millóns de euros. Esta cifra inclúe os gastos de adquisición dos terreos, as obras e a dotación de infraestruturas e edificacións. A partir do sexto ano, prevese que os gastos de funcionamento se financien coa propia actividade do Parque. Os ingresos procederán do alugueiro de naves, cotas de parcelas, prestación de servizos, proxectos de innovación para empresas e subvencións para proxectos. En canto aos prazos de posta en funcionamento establécense tres fases: unha primeira fase de construción e despregamento que duraría tres anos e que comezaría a finais de 2009, unha segunda de inicio da operación que duraría ata o ano 5 e, a partir do sexto ano, o Parque xa tería unha operativa estable e definitiva.
Innovación e Industria presenta o proxecto do Parque Científico-Tecnolóxico de Lugo
Compartir Este Artigo
