Caixanova e Caixa Galicia son desde hoxe accionistas do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en virtude do proceso de ampliación de capital polo que cada unha delas asume o 20,78% dos títulos da sociedade e que foi ratificado esta mañá pola Xunta de Accionistas da entidade.
O proceso de ampliación de capital, cuxo inicio foi aprobado en xuño de 2008, supuxo a emisión de 2.200 novas accións, que se traducen nunha inxección de capital de 1,76 millóns de euros para Tecnópole. A Xunta de Galicia fixo o maior investimento, coa adquisición de 990 títulos, para manter a participación maioritaria na sociedade cun 45%. Cada unha das caixas de aforro galegas, as dúas novas entidades con representación no Consello de Administración, adquiriu 561 accións. Acudiron tamén á ampliación de capital a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, accionistas orixinarios que acadan así unha participación do 2%.
O accionariado complétase cos membros que manteñen a súa participación inicial: o Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde), a Cámara de Comercio de Ourense, os Concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, a Universidade da Coruña, a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e o sindicato UXT (Unión Xeral de Traballadores). Entre todos eles, representan o 9,44% do capital da Sociedade Anónima Parque Tecnológico de Galicia.
A entrada das caixas de aforros no accionariado de Tecnópole suporá, ademais da inxección de capital, o establecemento dun marco de colaboración máis amplo có xa existente entre estas entidades financeiras e o Parque Tecnolóxico de Galicia, e, por extensión, as máis de 80 empresas e centros tecnolóxicos que operan desde o seu recinto na actualidade.
As caixas de aforros galegas entran no accionariado de Tecnópole
Compartir Este Artigo
