Jon Lech Johansen (máis coñecido coma DVD Jon) anunciou hai cousa dun ano a aplicación DoubleTwist, que permitía liberar os contidos adquiridos en iTunes para cargalos noutros dispositivos, o que perdería certo atractivo agora que iTunes distribúe principalmente contido sen DRM, pero esta ferramenta de sincronización de contidos con dispositivos móbiles continúa a ser moi interesante, pois na súa nova versión de proba permite cargar a través dunha única interface un completo catálogo de dispositivos coma os terminais BlackBerry Curve, Pearl, Storm e Flip, os teléfonos con Android, os móbiles da series N e E, os móbiles Sony Ericsson Walkman e Cybershot, os terminais con Windows Mobile 5.0/6.0, o reprodutor multimedia Zune, a consola portátil de Sony (a PSP) e proximamente a de Nintendo (DSi), o iPhone e os iPod, o Amazon Kindle, os reprodutores Sansa e200 e Sansa View, os móbiles LG Viewty/Voyager/Shine ou moitos dos RAZR de Motorola. En definitiva, permite cargar contidos multimedia a case todos os dispositivos multimedia do mercado (pois tamén inclúe cámaras dixitais e videocámaras baseadas en memoria flash), convertendo os ficheiros nos casos nos que sexa preciso.
Pero a cousa non remata aí, xa que o DoubleTwist non só é un iTunes para moitos trebellos, senón que tamén serve para subir vídeos a YouTube a fotografías a Flickr e Facebook. A versión de proba está dispoñible para Windows e Mac OS X e destaca por ser moi doada de manexar.
DoubleTwist permite cargar contidos multimedia nun inmenso catálogo de dispositivos electrónicos
Compartir Este Artigo

