Amazon quere ampliar o seu negocio de venda de libros electrónicos en vista da boa aceptación que ten o seu Kindle, de xeito que agora buscan levar esas experiencia a outros dispositivos máis espallados, de xeito que abren a súa tenda de libros dixitais ao iPhone a través dunha aplicación de balde que se pode descargar da App Store norteamericana.
O programa chámase Kindle (coma o lector de e-books) e permite a lectura e compra dos libros electrónicos de Amazon, incorporando tamén a tecnoloxía Whispersync, que permite sincronizar a lectura entre distintos dispositivos (de xeito que un usuario que estea a ler un texto no iPhone pode retomar a lectura no Kindle e viceversa).
Aínda que o iPhone non sexa o dispositivo ideal para a lectura de libros, segundo a revista Forbes é o dispositivo electrónico de lectura máis utilizado nos EE.UU., especialmente grazas a aplicacións coma Stanza, polo que parecía lóxico que fose o segundo soporte de lectura polo que apostase Amazon. De feito, o Kindle para o iPhone, lonxe de reducir as vendas do lector de libros electrónicos de Amazon, podería reforzalas, xa que ampliaría a visibilidade do seu catálogo de libros e das posibilidades do Kindle físico (que podería entenderse coma o lector doméstico de libros electrónicos mentres que o iPhone sería o seu complemento móbil).
Agora podemos pór na balanza o iPhone e o Kindle, para ver cómo o primeiro ten unha pantalla máis brillante, con soporte de cor e moi transportable, mentres que o segundo goza de máis autonomía e dunha pantalla máis grande, quedando claro que cada dispositivo supera ao outro segundo o uso que se faga do mesmo.
Amazon adapta a súa tenda de libros electrónicos ao iPhone
Compartir Este Artigo
