As pasadas eleccións galegas fixéronse notar especialmente na Internet, e como vén a ser habitual, rematados os comicios podiamos agardar unha redución da actividade en liña dos distintos partidos políticos, pero esta foi moito máis brusca do que poderiamos agardar.
Así, mentres que o Partido Popular celebrou a súa vitoria nas urnas na súa web, e os seus membros continúan a actualizar os seus distintos blogs (coma o de Carlos Negreira ou o de Manuel Baltar) con normalidade, o PSdeG-PSOE e o BNG afastáronse un chisco da Rede, aínda que non cesan de dar roldas de prensa e aparecer en medios de comunicación tradicionais.
O Partido Popular
Polo de pronto, a web do PP amosa na súa portada unha mensaxe de agradecemento aos votantes (xesto que tamén fixo Feijoo no seu blogue), seguida das primeiras manifestacións do seu candidato, que en poucas semanas ocupará a presidencia da Xunta de Galicia, aínda que non aparece máis información dos seguintes días, situación que tamén se reflicte en YouTube e Flickr. Por outra banda, a web electoral baixo o lema de Recargando Galicia continúa operativa, quedando por ver qué será dela ou do videoblog de Feijoo.

A reacción dos socialistas ao remate do proceso electoral foi sumamente brusca, de xeito que as webs de campaña, tanto Touriño.tv, como Touriño.net e Presidentetourino.com redirixen agora á web oficial do Partido, que si continúa a ser actualizada con información sobre os cambios que está a vivir a formación nestes días, o que tamén podemos ver en Flickr e YouTube.
No tocante aos blogues socialistas agrupados na Galisfera, predomina por reflectir a reacción aos resultados electorais en vez de agochar a cabeza, procurando unha perspectiva positiva de cara ao futuro.
O BNG
O Bloque Nacionalista Galego, considerada a formación máis activa na Internet durante a campaña electoral, tras os seus malos resultados nas urnas marcou unha grande distancia da web, e tanto o espazo Quin.tv como a canle de YouTube ou a conta de Flickr levan sen actualizar uns 5 días. A propia páxina web do BNG parece conxelada, con só 2 novas engadidas dende o 1-M (cando antes dos comicios tiña varias ao día), aínda que peor é o caso da web electoral da formación nacionalista, que data a súa última nova do 27 de febreiro.

Facebook, sitio distinto
Pero o afastamento de moitos políticos da web non se está a producir en Facebook, e así vemos como os perfiles dos candidatos continúan a estar actualizados, aceptando novos amigos con normalidade, e recibindo comentarios de ánimo por parte dos seus seguidores.
Podemos entender desta situación que aínda que os políticos poidan marcar as distancias coa Rede, os votantes, militantes e simpatizantes non fan tal, e o apagamento web que viamos en anos anteriores tras os resultados electorais podería converterse en algo do pasado.
Tras as Eleccións Autonómicas os partidos reaccionan na web de xeito heteroxéneo
Compartir Este Artigo
