As operadoras de telefonía nacionais, logo de ver como descenderon os seus ingresos por servizos durante o último ano, están a remexer os miolos continuamente (e de paso tamén as tarifas) á procura dunha fonte de ingresos fixa que as leven á situación de bonanza de antano.
Yoigo, por exemplo, que se anunciaba como unha operadora que nunca subiría as súas tarifas cando chegou ao noso país, tivo que recuar e facer unha subida da que demos conta no noso portal.
Movistar, por outra banda, non deixa de ofertar “paquetes” de sms a un módico prezo, tarifas de 100 x 1, contratos “Dúo” e “Trío” con tarifas planas… todo a fin de reorientar a súa oferta comercial e non perder os clientes que paseniñamente se van pasando a outras operadoras.
Nesta última volta foi Orange a operadora que, cunha caída dos beneficios do 0,7 por cento, vén de anunciar que a partir do vindeiro día 1 de abril, vai descatalogar todas as súas tarifas de prepago actuais e lanzar unha única tarifa sen consumo mínimo de 35 céntimos por minuto máis 15 céntimos de establecemento chamada Quiero.
Adicionalmente, Orange lanzará 3 opcións máis que só se aplicarán os meses que se faga unha recarga mínima de 10 euros, que son: Quiero 24 horas, Quiero 1 y no más e Quiero Ocio, con cadansúas tarifas de entre 10 e 35 céntimos/minuto.
Na web de Xataca fixéronse eco da nova e afirman que pese a que estas novas tarifas son “máis ventaxosas que as actuais con recarga mínima”, Orange “da un paso atrás” ao eliminar por completo outras opcións que permitían maior liberdade e control de consumo ao usuario
Orange lanza novas tarifas para porlle fin ao prepago tradicional
Compartir Este Artigo

