
Este proxecto permítelle a todos os usuarios obter información urbanística de interese para eles e elas de xeito inmediato e personalizado a través da páxina web do devandito Concello. A ferramenta dispón os datos mediante dúas vías: premendo directamente sobre a zona do mapa da que desexen obter información, ou ben introducindo datos concretos referidos ao planeamento do seu interese, tales como distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas, nome da zona a consultar…
Deste xeito, os interesados poden obter directamente da web todos os niveis de información dispoñibles sobre a parcela ou área de interese, tales como clasificación, categorías do planeamento e cualificación do solo. Asemade, a aplicación permite descargar unha ficha urbanística completa e complementa a información con outros datos de grande utilidade como a información catastral.
Segundo vén de anunciar o alcalde da localidade coruñesa, Juan José Rocha Carro, a nova ferramenta irá incorporando paseniñamente novas funcionalidades “para facilitar aínda máis o acceso dos cidadáns á información urbanística do seu Concello”.
Como continuación das experiencias piloto, o Ministerio de Vivenda e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio asinaron o pasado mes de febreiro un convenio que ten como obxectivo estender a solución deseñada a outros concellos e no cal poderán participar as comunidades autónomas que o desexen así como outros organismos como a FEMP. O convenio, que abarca o período 2009-2012, supón un investimento de 57.000.000 de euros, dos cales 40.000.000 son unha achega de red.es e o resto deberá ser cofinanciado polos participantes.
O Concello de Abegondo estrea a ferramenta Urbanismo en Rede
Compartir Este Artigo

