Esta semana anuncian o lanzamento oficial da consola de videoxogos doméstica Zeebo no Brasil, e este produto de TecToy fabricado nas instalacións da compañía en Manaus sorprende non só por producirse localmente, senón tamén porque non contará con videoxogos en formato físico, de xeito que os seus títulos só poderán adquirirse a través de descargas a través do servizo ZeeboNet3G, que sería unha conexión de banda larga móbil achegado pola operadora Claro (concepto que lembra ao Kindle de Amazon, que tamén descarga os libros electrónicos a través da rede de telefonía móbil).
A nova consola terá un prezo de venda recomendado de 499 reais (178,19 euros) incluíndo os xogos FIFA 2009, Need For Speed Carbon e Treino Cerebral precargados, coa posibilidade de descargar de balde outros 3 títulos (Prey Evil, Quake e Quake II), e para a compra de máis xogos é preciso adquirir Z-Credits, a moeda virtual desta plataforma, que situarían aos xogos nun rango de prezos de entre os 9,90 e os 29,90 reais (de 3,54 a 10,68 euros).
De todos os xeitos, non parece que esta plataforma de xogo vaia acadar un grande éxito nin sequera no Brasil, posto que polo seu prezo é posible adquirir consolas consolidadas como a PlayStation 2 (cun catálogo de xogos inmenso) e a súa potencia gráfica semella ser ridícula (produciría imaxes a 640 x 480 píxeles e o seu consumo eléctrico non superaría os 15 W), polo que o seu formato físico semellante ao dunha Wii (mide 157 x 215,4 x 44 milímetros e pesa 1,3 quilos) non se correspondería co que pode dar de si (dando a impresión de non estar nin sequera á altura dunha PSP). En distintos foros da web os brasileiros non dan un can por este dispositivo, que o terá moi difícil para animar aos grandes estudos de videoxogos para facer títulos para el.
Polo momento o nova consola só estará dispoñible en Rio de Janeiro (xa aceptan reservas, agardando a chegada de unidades para a vindeira semana) e irá espallándose polo resto do Brasil ata finais de ano, pensando incluso na súa comercialización internacional.
Reinaldo Normand, executivo de Zeebo Inc., amosa o funcionamento da Zeebo
A videoconsola brasileira Zeebo xa é unha realidade
Compartir Este Artigo
