Segundo puidemos ler hoxe no xornal dixital inglés Times on Line, Scotland Yard mailo FBI veñen de deter a unha banda internacional á que acusan de ter gañado máis de medio millón de euros (750.000 dólares) comprando a súa propia música de Apple iTunes e Amazon.com con tarxetas de crédito roubadas.
En total, seis homes e tres mulleres foron arrestados en varios lugares do Reino Unido, acusados de “fraude e lavado de diñeiro” por ter creado varias cancións e pasarllas a unha compañía americana, a Tunecore, que as subía aos devanditos sitios web para ser vendidas.
Os arrestos, segundo afirma o xornal en liña, son o resultado dunha investigación da Scotland Yard en colaboración co FBI, que comezou en febreiro de 2009, ao notar que unha banda criminal establecida no Reino Unido, “provía música a través dunha compañía en liña norteamericana, que subía as cancións a Apple iTunes e Amazon.com para a súa venda”.
Amazon e iTunes, que non sabían do fraude, chegaron a pagar 300.000 dólares (uns 213.000 euros) en concepto de dereitos de autor, e aínda que non quixeron facer declaracións, Apple sospeita ter sido vítima desta estafa dende setembro de 2008 durante un periodo aproximado de catro meses, nos que a banda empregou 1.500 tarxetas de crédito roubadas ou clonadas para comprar cancións por valor de 750.000 dólares.
A banda, segundo indica a publicación, “pudo ter conseguido o 40 por cento do diñeiro en concepto de dereitos de autor”.
Estafan a iTunes e Amazon con tarxetas de crédito roubadas
Compartir Este Artigo

