
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, visitou o Parque de Innovación da Cidade Autónoma de Bos Aires durante a súa viaxe institucional a Arxentina e Uruguai. Trátase dun espazo de referencia en ciencia, tecnoloxía e emprendemento que promove a conexión entre empresas, universidades e centros de investigación para impulsar novos proxectos innovadores.
A visita incluíu unha reunión con Hernán Lombardi, ministro de Desenvolvemento Económico da Cidade de Bos Aires, na que se analizaron novas oportunidades para estreitar a colaboración entre Galicia e Arxentina, especialmente nos eidos da innovación, o emprendemento e o desenvolvemento de iniciativas empresariais e tecnolóxicas.
A axenda institucional continuou coa participación no encontro Networking Internacional: Conectando Industrias Globales, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime). Durante a xornada presentáronse as oportunidades que ofrecerá Mindtech 2027, a feira internacional de industria e tecnoloxía que se celebrará en Vigo o vindeiro mes de abril. O encontro permitiu favorecer os contactos entre empresas galegas e arxentinas e explorar novas posibilidades de cooperación industrial.
Covadonga Toca puxo de relevo os vínculos históricos, culturais e económicos que unen Galicia e Arxentina, así como as oportunidades que ofrece o novo escenario de relacións entre a Unión Europea e Mercosur para impulsar os intercambios comerciais, os investimentos e as alianzas empresariais.
Esta liña de actuación forma parte da nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas (horizonte 2028), aprobada recentemente pola Xunta e dotada con 160 millóns de euros. Entre as medidas previstas figura a apertura de novas antenas empresariais do Igape en Arxentina e Brasil, co obxectivo de reforzar a presenza das empresas galegas nestes mercados e acompañalas na identificación de oportunidades de negocio.

