O Centro de Supercomputación de Galicia, que dende a súa creación lle vén ofrecendo formación de balde aos seus usuarios e persoal en materia de novas tecnoloxías da información e a comunicación, vén de inagurar este luns a primeira edición da súa Escola de Verán, a CESGA Computacional Science Summer School, o que será o primeiro curso en España que ofreza unha formación completa en programación, paralelización, optimización e execución de aplicacións, depurado e análise de rendemento.
A iniciativa, que conta co financiamento do Nodo CESGA dentro do Proxecto Ingenio Matemática, i-Math, a Rede Galega de Computación de Altas Prestacións, GHPC, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a DXIDI da Consellaría de Economía e Industria, entre outros organismos, ten como principal obxectivo proporcionar ferramentas e coñecementos de vangarda a investigadores en Ciencia Computacional, e diríxese principalmente a persoas licenciadas, enxeñeiras e investigadoras de diferentes disciplinas, interesadas nas técnicas de computación e nas novas ferramentas de cálculo científico.
Asemade, esta Escola de Verán pretende mostrar os usos actuais da computación e a simulación en supercomputadores en diversas aplicacións, tales como matemáticas, biomedicina e nanotecnoloxía, e neste senso, trata de ofrecerlle ás persoas asistentes, as ferramentas precisas para sacarlle o maior rendemento posible a supercomputadores como o Finis Terrae e aplicalo ás súas investigacións.
Os alumnos e alumnas asistentes, que na primeira semana de inscrición completaron o total das prazas dispoñibles, realizarán prácticas con casos reais propostos por eles mesmos e poñeranos en práctica no FT, do que terán polo menos dous nodos completos á súa disposición durante todo o curso.
Como novidade este ano, os responsables desta oferta formativa veñen de anunciar que “por primeira vez tres novos investigadores participarán nestes cursos a través de estancias de investigación”. Durante tres meses traballarán no CESGA asistindo aos cursos da Escola de Verán e desenvolvendo ao mesmo tempo o seu proxecto de investigación, para o que lle serán de utilidade os coñecementos e ferramentas adquiridos na etapa de formación desta escola. Os tres proxectos de investigación pertencen aos campos da Física de Altas Enerxías, Mecánica de Fluídos e Linguaxes de Programación.
Paralelamente aos cursos de formación, cuxo programa se pode consultar na web do Cesga, este organismo desenvolverá catro seminarios de presentación da necesidade da ciencia computacional en diversas áreas científicas, impartidos por investigadores especialistas de prestixio internacional.
A Escola de Verán do CESGA, ao completo este ano
Compartir Este Artigo

