Galiciencia, a maior feira científica da nosa Comunidade que organiza anualmente a Tecnópole, vén de abrir o prazo de recepción de proxectos para a edición deste ano, na que participarán, ao igual que nas anteriores edicións, estudantes de Educación Secundaria e Bacharelato procedentes de toda España.
Este evento, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Economía e Industria, vaise celebrar no vindeiro mes de novembro en Ourense, e ata alí achegaranse rapaces e rapazas da ESO e de Bacharelato de todo o país, preparados para presentar as súas ideas innovadoras e tratar de facerse co recoñecemento do público asistente.
O Parque Tecnolóxico de Galicia, situado na cidade das Burgas, xa leva catro anos celebrando este evento sen igual no noso país e, este ano, volverá a poñer a disposición de tódolos mozos e mozas participantes, os seus stands e instalacións para, durante tres días, mostrarlle aos visitantes os proxectos que desenvolveron con esforzo e traballo ao longo de todo o ano.
A Tecnópole, que lle facilita o desprazamento e a estancia dos estudantes en Ourense durante a celebración do evento, tamén organiza actividades paralelas para o público e os propios expositores, e non escatima en gastos para traer aos profesionais máis célebres e coñecidos do mundo da ciencia.
É por isto que este ano, ademais da presenza do xa habitual divulgador Adolf Cortel, cos seus relatorios de ciencia divertida, haberá obradoiros relacionados coa celebración, a nivel europeo, do ano Darwin, do Ano Internacional da Astronomía e do Ano da Creatividade e da Innovación.
En relación a este último, Galiciencia contará cunha sección especial que estará ocupada polos proxectos resultantes do programa TIC-TAC! Talentos da Innovación e da Creatividade, unha iniciativa que a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e a Tecnópole desenvolven para poñer en contacto a alumnos galegos de Secundaria coa experiencia do emprendemento innovador, que lles axudará a deseñar o seu propio plan de negocio con base nas súas ideas e inventos.
Bases na web
As bases para participar na Galiciencia 2009, dispoñibles na web de Tecnópole, contemplan un prazo de recepción de proxectos aberto ata o vindeiro 25 de outubro e a esixencia, como requisito fundamental, de formar un equipo no que participen varios alumnos e un profesor, que deberán contar a súa idea en tres follas de papel (xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais).
A intención dos promotores da feira é, segundo afirman, “seguir aumentando o número de visitantes, e superar o 2700 do pasado 2008”.
Os cen estudantes de Secundaria que participaron como expositores na anterior edición defenderon un total de 34 proxectos orientados a propoñer solucións para necesidades moi presentes na nosa vida cotiá.
Os proxectos expostos na Galiciencia serán sometidos á votación dos visitantes e dun xurado formado por emprendedores da Tecnópole, que elixirán os mellores para outorgarlles o primeiro e o segundo premio da feira. O proxecto gañador en 2008 consistiu nun bioedificio, capaz de autoabastecerse a través das enerxías renovables. O segundo galardón recaeu nun sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor.
Na imaxe, os gañadores e gañadoras do primeiro e segundo premio da Galiciencia 2008.

