Cantas veces non nos teremos parado a imaxinar como sería a nosa vida se non existisen os teléfonos móbiles?, e cantas veces non teremos pensado que ao seu inventor deberían de darlle un premio?. Non cabe dúbida de que tanto o móbil como o correo electrónico son, a día de hoxe, dúas das ferramentas máis empregadas por todos nós para comunicarnos (sustituíndo, máis veces das desexadas, incluso á comunicación cara a cara, que nos tempos que corren se fan difíciles ata para os menos devotos das novas tecnoloxías).
Pois ben, os membros da Fundación Príncipe de Asturias, tamén deberon darse conta da gran utilidade que representan estas dúas ferramentas para a sociedade actual e veñen de concederlle aos enxeñeiros estadounidenses Raymond Samuel Tomlinson e Martin Cooper, o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica pola súa aportación ao desenvolvemento do correo electrónico e da telefonía móbil.
O galardón, ao que optaban 40 candidaturas procedentes de 21 países, está dotado con 50.000 euros en metálico e unha figura deseñada por Joan Miró que os enxeñeiros deberán compartir como boamente decidan.
Tomlinson é un programador nacido en Nova York en 1941, que tiña trinta antos cando comezou a desenvolver un sistema de correo electrónico e se converteu no responsable de que a arroba se confirmara como o símbolo universal para estas comunicacións.
Pola súa parte, Cooper, nacido no 1928 en Chicago, está considerado como o pai do teléfono móbil polo seu traballo á fronte da área de Investigación e Desenvolvemento de Motorola, onde en 1973 inventou o primeiro dispositivo portátil, que tardaría dez anos en chegar ao mercado.
Segundo puidemos ler no xornal dixital La Información, a candidatura conxunta de ambos foi proposta por Vinton Cerf, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2002, e apoiada por varias personalidades entre as que destacan os Premios Nobel Leo Esaki e Harold Kroto.
O xurado, que lles outorgou o premio por unanimidade, xustificou a súa elección argumentando que “estes dous achados atópanse entre as máis grandes innovacións de tódolos tempos, revolucionando o xeito de comunicarse miles de persoas en todo o mundo e contribuíndo de maneira decisiva ao avance do coñecemento”.
O Príncipe de Asturias de Investigación recae nos pais do móbil e do e-mail
Compartir Este Artigo

