O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, mailo presidente da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión, Manuel Campo Vidal, veñen de asinar esta mesma mañá, un convenio de colaboración para a divulgación do proceso de transición da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en todo o país.
Ao acto, que tivo lugar no Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, asistiron recoñecidos xornalistas, presentadores de diversas canles de televisión e profesionais do ámbito da comunicación, os que apoiaron o cambio da televisión analóxica a dixital.
Coa sinatura deste acordo, a Academia de Televisión vai realizar un spot informativo sobre a televisión dixital no que participarán académicos e que se emitirá nas principais canles de España. Asemade, os directivos da Academia de Televisión participarán nos actos de divulgación e información sobre o proceso de transición á TDT. Este organismo elaborará estudos e organizará seminarios, relatorios e mesas redondas sobre o cambio da televisión analóxica á dixital.
A colaboración entre ambas entidades enmárcase no Plan Nacional de Transición á TDT. O convenio entre a Academia de Televisión e o Ministerio de Industria comeza na primeira fase prevista para os vindeiros días 27, 30 de xuño e 22 de xullo e manterase vixente ata o 3 de abril de 2010, momento no que se completará o cambio da televisión analóxica á dixital.
Últimos indicadores antes dos primeiros ceses analógicos
O secretario de Estado de Telecomunicaciós e para a Sociedade da Información tamén presentou os últimos indicadores nacionais de implantación da TDT nos máis de 550 concellos de 14 comunidades autónomas, ademais de Ceuta e Melilla, onde se producirán os primeiros ceses analóxicos os vindeiros 29 e 30 de xuño e o 22 de xullo.
Ros anunciou que, segundo datos de comezos de maio, o 84,2 por cento dos fogares dos municipios que pertencen aos primeiros ceses da Fase I do Plan Nacional de Transición á TDT xa acceden á televisión dixital, e indicou, asemade, que a porcentaxe de fogares que adaptaron a súa antena supera o 85 por cento.
En canto ao grao de coñecemento do novo sistema audiovisual, o secretario de Estado afirmou que o 98,6 por cento dos máis de 4.300.000 cidadáns beneficiados no primeiro proceso de transición coñece a nova televisión.
Plan de Apoio aos Colectivos con Risco de Exclusión
O Ministerio de Industria vén de poñer en marcha, asemade, un plan para apoiar a aquelas persoas que non teñen acceso a descodificadores de xeito doado (ou que descoñecen a súa utilidade) tales como as persoas de máis de 65 anos con dependencia recoñecida de grao II e III; a poboación cunha discapacidade auditiva ou visual total ou superior ao 33 por cento e as persoas maiores de 80 anos que vivan soas ou acompañadas de outra persoa que supere esa mesma idade.
Todas elas poden solicitar un único descodificador por fogar, sempre e cando non teñan un na casa ou xa recibiran subvención por parte doutro organismo.

