A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), na súa teima por facer do acceso a Internet e do emprego das novas tecnoloxías un dereito universal para tódolos cidadáns, vén de presentar unha nova páxina web, máis accesible e funcional, que pode ser visitada por tódolos internautas, independentemente das súas condicións de discapacidade ou tecnoloxía coa que accedan á información.
Din os seus responsables que “as persoas con determinadas discapacidades físicas teñen na nova web de AGESTIC un referente para acceder en igualdade de condicións á información sobre as TIC e a Rede”, xa que foi realizada cumprindo os criterios de accesibilidade W3C e cumpre a Norma UNE 139803:2004.
Esta Asociación, que anima a tódalas organizacións empresariais e empresas do sector TIC galego a que sigan o seu exemplo e traballen “pola igualdade de condicións de acceso á información e ás novas tecnoloxías”, vén de converterse nun referente no noso país, ao vencer a barreira da accesibilidade que ata o de agora tan só as Administracións Públicas e algunhas empresas e institucións sensibilizadas con facilitar o acceso ás TIC en igualdade, tiñan superado, facendo as súas páxinas plenamente accesibles.
As relacións de colaboración de AGESTIC co Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación -INTECO-, e en especial co seu Centro de Referencia en Accesibilidade e Estándares Web, posibilitaron que os técnicos de AGESTIC do seu departamento de Proxectos en Internet desenvolvesen esta nova web, que marca, segundo os seus creadores, “un antes e un despois en Galicia na difícil cuestión de poñer a tecnoloxía ao servizo de toda a sociedade sen exclusións”.
AGESTIC comparte os obxectivos de INTECO e de FTS de permitir que as páxinas web poidan ser visitadas e utilizadas polo maior número de persoas posible, independentemente das propias limitacións ou das derivadas do seu ámbito, revisando para iso o grao de accesibilidade e asegurando o cumprimento das pautas propostas e a súa adecuación ás Leis de Servizos da Sociedade da Información e de Igualdade de Oportunidades, Non Discriminación e Accesibilidade Universal das persoas con minusvalía.
AGESTIC renova a súa web, facéndoa máis accesible e funcional
Compartir Este Artigo

