O Concello de Brión, na provincia da Coruña, vén de facer reconto dos alumnos que pasaron polos seus cursos de informática nos últimos dous anos e os resultados non puideron ser máis satisfactorios para os seus responsables: unha vez contabilizados os participantes nos obradoiros de Windows XP e Microsoft Access 2007 (os últimos celebrados na localidade), o centro supera o milleiro de alumnos.
O coordinador destas actividades, Antonio Casal, vén de dar conta das cifras concretas de alumnos e alumnas que recibiron algún curso de formación en informática dende xuño de 2007 ata agora, e asegura que ata finais de 2008 rexistraron a participación de 676 usuarios e, no que vai de ano xa superaron a barreira do milleiro de alumnos, “o que amosa o interese que este tipo de cursos espertan entre os veciños e veciñas do Concello”. Asemade, a esta
cantidade hai que engadirlle 5.000 persoas máis que empregaron a aula aberta de informática nos últimos tres anos, unha cifra que non se contabilizou en conxunto cos alumnos pero que tamén é moi representativa das actividades que o Concello de Brión leva a cabo en torno ás TIC.
Este Concello, do que facemos continua referencia en Código Cero polo seu labor en prol das novas tecnoloxías e da sociedade da información, presenta unha variada oferta de cursos ao longo de todo o ano, dende iniciación á informática para nenos e nenas ou persoas da terceira idade, ata cursos especializados no manexo de programas habituais do entorno Windows como Word, Excel, Explorer ou Acces, así como de programas máis avanzados como Photoshop.
Dacordo coas estatísticas que manexa o Concello de Brión, os cursos máis demandados son os de iniciación á informática para nenos e nenas, que cada ano reúnen a máis de medio cento de rapaces e rapazas. Unha oferta que en breve, segundo informou Casal, “verase mellorada e mesmo ampliada”, xa que nestes días están a traballar na finalización dun novo telecentro de comunicacións en Brión, que estará ubicado na planta baixa da actual Casa Consistorial, e que contará, entre outras cousas, con 12 postos informáticos con lector de DNIe, unha impresora láser a cor, un proxector con pantalla de proxección motorizada, unha pantalla de plasma de 42 polgadas, micrófonos de mesa sen fíos e unha rede WiFi para achegarlle Internet de balde a todo o recinto.
O cursos de informática en Brión rexistraron un milleiro de alumnos nos últimos dous anos
Compartir Este Artigo

