O venres comentamos que a través da beta do Firefox 3.5 era posible acceder á versión candidata do novo navegador da Fundación Mozilla, e agora esta aplicación está dispoñible oficialmente (descargable tamén en galego), de xeito que os interesados en botar unha ollada ao que permitirá o Firefox nas vindeiras semanas poidan probalo e mesmo pasar a utilizalo de xeito habitual (esta nova versión é case definitiva).
Entre as novidades o Firefox 3.5 incorpora modo de navegación privada, soporte nativo de elementos HTML5 (coma vídeo en Ogg Theora e audio en Vorbis), motor de JavaScript renovado (mellorando o seu rendemento), uso da xeolocalización mediante estándarse web e moitas outras pequenas melloras que se resumen nun navegador web máis avanzado, robusto e rápido.
A nivel de usuario podemos ver novidades como a posibilidade de desfacer o peche dunha fiestra (como xa antes podiamos facer cunha pestana pechada por accidente), o navegador do historial conta co opción de esquecer este sitio (para borrar certos rastros de navegación), as pestanas poden arrastrarse fóra da fiestra actual (dando lugar a unha fiestra nova, como xa facía o Google Chrome) e outros detalles que melloran a experiencia de uso da aplicación consolidándoa como o navegador máis completo na actualidade.
Sae oficialmente a versión candidata do Firefox 3.5
Compartir Este Artigo

