Panos de papel, coitelas de afeitar, cubertos, vaixelas, cueiros de bebés, chisqueiros non recargables e ata cámaras de fotos… en calquera recuncho do mundo podemos atopar hoxe en día todo tipo de artigos de usar e tirar que unha vez empregados van parar ao lixo, e de alí ao vertedoiro ou, no mellor dos casos, son reciclados para volver a ser o que eran nos seus inicios. Moitos deses artigos, algúns dos cales non vén a conto nomealos, teñen cadanseu análogo de uso permanente nas tendas aínda que, por vagancia ou comodidade, non nos decantamos por eles e contribuímos inconscientemente ao agravamento “da saúde” do noso planeta.
E se o plástico e o material do que están feitos a maioría destes artigos contamina, qué non farán os móbiles de usar e tirar?; sí, dixen ben, móbiles de un só uso. Xa o tiñamos anunciado en xullo do pasado ano: “BIC venderá móbiles desbotables en Francia”, e agora non facemos máis que confirmar a súa chegada (agardada ou non?, xa se verá) ao noso país.
O Bic Phone, que así se chama o terminal, porase á venda a partir do vindeiro día 1 de xullo en estancos, papelarías, gasoliñeiras e supermercados de todo o país, por un prezo de 29 euros, con 12 euros en chamadas.
De feito, algúns medios, como La Voz de Galicia, xa lle teñen elaborado o seu propio slogan para anunciarse nas televisións, retomando aquel antigo anuncio que fixera tan famosos aos bolígrafos da casa; di: “Bic laranxa escribe fino, Bic Cristal escribe normal… e Bic Phone fai chamadas ao persoal”…
Nembargantes, este móbil, que tén a vantaxe de que non sintamos a súa perda no caso de roubo ou extravío e de que non teñamos que andar con el como ouro en pano para que non se raie ou estropee, funciona con tarxeta SIM de prepago co que, segundo a normativa vixente, os seus usuarios estarán obrigados a identificarse no momento de adqurilos, algo que o fai menos atractivo e instantáneo do que poideramos pensar nun primeiro momento.
O Bic Phone inclúe as funcionalidades máis básicas que pode ter un móbil hoxe en día, tales como chamadas, envío de SMS, radio FM, alarma, calculadora… e aínda que é de plástico, o seu uso non está limitado ao que dure o primeiro saldo senón que se pode volver a recargar as veces que se queira (e que o artigo aguante).
Chega a España o móbil de usar e tirar de BIC, o Bic Phone
Compartir Este Artigo

