A Asociación de Empresarias de A Coruña vén de dar conta das actividades que ten previstas para desenvolver no vindeiro mes de xullo, cando a maioría da poboación se atope disfrutando dunhas merecidas vacacións e a Rede “ferva” un pouco de máis por mor do calor.
Este organismo, que colabora coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información para achegarlle Internet e as novas tecnoloxías a toda a poboación en xeral e ao colectivo feminino da localidade en particular, vai desenvolver as seguintes actividades: –Solicitude de cita médica en Internet: con esta actividade preténdese que os e as usuarias, ao finalizar este obradoiro, sexan capaces de solicitar, modificar e anular unha cita de atención primaria a través de Internet. Este obradoiro desenvolverase dúas veces durante o mes de xullo (venres 3 e martes 28), de 9 a 11 horas. –Creación dunha conta de correo electrónico: este obradoiro ten como principal obxectivo capacitar aos usuarios e usuarios para crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Realizarase de luns a venres, do 6 ao 10 de abril, en horario de 9 a 10:30 horas. –Viaxes en Internet: as persoas que asistan a esta actividade, serán capaces, ao remate da mesma, de organizar unha viaxe empregando os recursos que ofrece a Rede. Vai ter lugar do 13 ao 17 de xullo, de luns a venres, de 9 a 10 horas. –Manexo básico da cámara dixital: o obxectivo deste obradoiro é que as persoas asistentes aprendan a empregar correctamente unha cámara dixital para facer fotografías de calidade. Terá lugar entre o 20 e o 24 de xullo, de luns a venres, en horario de 9 a 10:30 horas.
O prazo de inscrición para estas actividades rematará o día anterior ao comezo de cada unha delas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as devanditas actividades, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Dinamización de AECO (Asociación de Empresarias de A Coruña), sito na Avda. Alcalde Pérez Ardá, 53, baixo dereita, chamar ao teléfono 981.297.870 ou mandar un correo electrónico ao enderezo barbara.acoruna@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información, que conta cun total de 51 dinamizadores e dinamizadoras para desenvolver distintos cursos e obradoiros, e introducir as TIC na vida cotiá da sociedade galega.
Verán tecnolóxico para a Asociación de Empresarias de A Coruña
Compartir Este Artigo

