A asociación empresarial Ineo celebra este luns 29 de xuño unha xornada para o fortalecemento do conxunto do sector tecnolóxico-dixital galego nun dos factores de competitividade que a organización considera fundamental para facerlle fronte aos retos do mercado de hoxe: o factor innovación. A cita será a partir das 10.00 horas (e ata as 14.20) na sede da Confederación de Empresarios da Coruña. A xornada, que está encamiñada sobre todo a achegarlle recursos ao sector TIC, ten o obxectivo concreto de dotar ás empresas dos coñecementos sobre os proxectos que se están a levar a cabo a nivel galego e estatal para a mellora de produtos e de servizos. Con este fin, informa Ineo, acudirán como relatores representantes da plataforma nacional INES (a nivel nacional) e da iniciativa Vindeira e máis o Centro Tecnolóxico de Gradiant (a nivel galego).
A idea é que os participantes dean conta dos métodos máis salientables para estruturar os grupos de traballo en cada unha das organizacións, dos tipos de proxectos que impulsan ou dos apoios que están en disposición de achegar ás empresas en materia de innovación.
Segundo informa a organización do evento, as ditas presentacións complementaranse cunha exposición polo miúdo de cales son as axudas que están arestora ao alcance da man dos empresarios para impulsar ou fortalecer proxectos innovadores en todos os ámbitos e escenarios. Asemade, e para impulsar o fluxo de información, asociación Ineo ten proxectado tirar proveito da presenza dos ditos relatores para que os asistentes en xeral poidan obter os datos máis personalizados posibles e “a través de quendas de asesoramento individuais que se poderán concertar previamente a través do enderezo de correo electrónico ineo@ineo.org”, sinala nun comunicado a organización. Amais disto e malia o carácter aberto e gratuíto da xornada, é aconsellable que as persoas que teñen pensando acudir formalicen a asistencia a través do mesmo correo electrónico ou ben do teléfono 902 905 510.
Ineo convoca este luns ás empresas TIC para axudalas no seu labor de innovación
Compartir Este Artigo

