O Concello de Celanova, na súa teima por facer posible que todas as empresas e establecementos da comarca conten coa súa propia páxina web e se dean a coñecer por Internet (algo impensable ata hai só uns anos), vén de presentar a plataforma Compraencelanova.com, un proxecto cofinanciado entre a Consellaría de Traballo e Benestar e o propio Concello, que reúne nunha única web aos empresarios e comerciantes do lugar que participan na iniciativa.
Cada sitio, segundo afirman os seus responsables, “é dinámico e administrable de maneira individual”, polo que nel, os propios empresarios poden publicar todo tipo de información de interese relacionada coa súa actividade, dende os datos de localización ata os servizos ofrecidos, pasando por formularios de contacto ou novas relacionadas coa empresa.
Trátase dunha iniciativa global levada a cabo dende o devandito concello ourensán que permite que cada negocio ou empresa xestione a súa páxina como se fose unha web independente, ao tempo que se beneficia das vantaxes de aparecer nunha listaxe conxunta onde o cliente pode dar con ela facilmente.
Esta iniciativa, segundo veñen de anunciar os responsables da mesma, “é pioneira a nivel municipal xa que pretende integrar todos os negocios que desenvolven a súa actividade dentro da área xeográfica de Celanova”.
Tanto se os empresarios contan xa con páxina web propia como se non dispoñen dela, o verdadeiro atractivo desta plataforma, afirman, “radica na oferta de conxunto, pois ao conseguir que practicamente toda a rede comercial de Celanova se presente baixo un único rexistro, fai que o efecto divulgador se vexa multiplicado dun xeito exponencial”.
A ferramenta contén, ademais da listaxe de empresas adheridas ao proxecto ordeadas alfabeticamente por actividade con cadansúa ligazón, unha sección de novas, información do Mercado de Celanova, vídeos relacionados coa actividade comercial e ata un calendario coas datas do mercado, que pese a que está en construcción, os responsables aseguran que “estará dispoñible en breve”.
Na actualidade, a aplicación conta con 185 negocios adheridos, os cales teñen a súa propia web particular, á que se pode acceder directamente a golpe de rato.
As empresas e comercios de Celanova, a disposición dos internautas nunha soa web
Compartir Este Artigo

