A meirande enciclopedia creada ata o de agora en Internet, a Wikipedia, esa máis que coñecida e consultada ferramenta en liña, aberta á contribución de calquera internauta en todo o mundo, “vén de estancar a súa produción“, e dende 2007, non só “deixou de medrar o número de voluntarios que participan nela”, senón que “cada vez é menor o tempo que lle dedican as persoas que seguen vinculadas dalgunha maneira á súa creación”.
Estas son as principais conclusións extraídas da tese doctoral realizada por Felipe Ortega, un membro do grupo de investigación GSyC/Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos, na que se levou a cabo unha análise cuantitativo das 10 maiores versións da Wikipedia.
En total, Ortega procesou máis de 300 millóns de actualizacións realizadas sobre máis de 20 millóns de páxinas wiki (tanto artigos enciclopédicos, coma páxinas doutro tipo) por uns 2,5 millóns de usuarios rexistrados (os que abriron unha conta para participar). O conxunto da información analizada por este investigador, que afirma que “o número de voluntarios que contribúen ao proxecto estancouse nas dez versións principais da Wikipedia”, ocupa máis de 2,2TB só para a versión inglesa, é dicir uns 494 DVD, e dela extráese que “despois duns anos de crecemento cada vez máis rápido, e en contra da crenza xeneralizada, a Wikipedia podería ter certas dificultades para manter o ritmo que levaba experimentado dende que se creou”.
E isto na súa versión en inglés, alemán, francés, polaco, xaponés, holandés, italiano, portugués, español e sueco; “tendo en conta que se trata dun proxecto sen ánimo de lucro e que se basea na contribución de millóns de persoas de todo o mundo, as conclusións deste traballo son dunha gran relevancia para coñecer como se organiza e cal pode ser a súa evolución”, continúa.
Da tese doctoral tamén se extrae que por primeira vez na súa recente historia, o número mensual de voluntarios que abandonaron o proxecto (uns 20.000 mensuais na súa versión inglesa) “superou os que se incorporaron” (uns 15.000 ao mes). É dicir, sinala, “a comunidade de editores está a comezar a perder efectivos, e o que é máis importante: esta tendencia seguirá empeorando no futuro próximo xa que o número de abandonos tende a crecer cada vez máis rapidamente“, mantén o investigador.
Para realizar este estudo, o investigador creou un software de análise, o WikiXRay que permite automatizar as análises empíricas que se inclúen na tese. Grazas a esta ferramenta o grupo de investigación GSyC/Libresoft alcanzou recentemente un acordo para publicar todos os datos empíricos en RedIRIS, a rede académica e de investigación española, e deixalos a disposición dos investigadores de todo o mundo para que poidan contrastar os resultados publicados e estendelos con novas análises.
Unha tese doutoral revela que se estanca a produción da Wikipedia
Compartir Este Artigo

