Unha vez máis, e por quinto ano consecutivo, o Grupo Asociado pola Libre Información e Tecnoloxía, Galite, en colaboración co Concello de Foz, vai celebrar a PartyFoz, a xuntanza informática da vila lucense que reunirá durante tres días aos afeccionados á descarga e compartición de contidos en liña e aos videoxogos, chegados de todos os recunchos do país.
PartyFoz terá lugar os días 14, 15 e 16 de agosto e nesta edición contará cunha nova infraestrutura de Rede coa que obter conexión na área local de 1 Xigabit por segundo e poder así, “expremer todas as posibilidades de xogo en rede, compartición de datos…”
As persoas interesadas en participar neste maratón informático deberán formalizar a súa inscrición en liña, e poderán facelo a partir do vindeiro mércores 15 de xullo.
Para esta quinta edición do encontro prevese un aforo de cen persoas, que poderán participar en actividades tales como torneos de Counter Strike, Guitar Hero, Stepmanía, Pro Evolution Soccer… ou asistir a charlas e relatorios de temática moi variada que vai dende o Deseño con Inkscape ata o Proxecto CCRadio pasando polo Proxecto Galinux.
En relación a este último relatorio, Mancomún colaborará coa iniciativa achegando para todos os asistentes exemplares deste sistema operativo libre e en galego, desenvolvido polos seus integrantes e colaboradores.
Segundo veñen de anunciar os organizadores de PartyFoz 2009, tamén se agarda que este “sexa o lugar de reunión da futura delegación do Partido Pirata Español en Galicia”.
As persoas que desexen colaborar no desenvolvemento de PartyFoz 2009 deberán acceder aos foros de Galite, onde se están a debater e consensuar todas as decisións.
Galite prepara unha nova edición da PartyFoz para este verán
Compartir Este Artigo

